Thursday 02 de May de 2024

Moeche licita cerca de 155.000 euros en obras de mellora da rede viaria municipal


Os proxectos fináncianse con fondos municipais, do POS+ e da AGADER

 

O Perfil do Contratante do Concello de Moeche ten publicados os expedientes de contratación para reparar varias pistas municipais, con cargo a fondos propios, do POS + 2021 e do Plan marco de camiños municipais da AGADER. O investimento total de todas as obras ascende a 154.815,82 euros aos que se lle sumarán outros 74.000 -50.000 procedentes dos remanentes de Tesouraría de 2020- para o mantemento de vías e a limpeza de cunetas.

O primeiro dos proxectos licitados enmárcase no Plan de mellora de camiños municipais da AGADER cofinanciado polo Concello. O investimento realízase no tramo que vai desde estrada DP-4904 ata o cruce coa pista Abade-Labacengos. Neste caso xa está pechado o prazo de presentación de ofertas e a avaliación de todas as propostas recibidas comezará este xoves 24 de xuño. O investimento ascende a 52.302.19 euros ive incluído.

Os outros dous plans de obras correspóndese co POS+ 2021 e suporán unha contía total de 102.513,63 e licítanse por procedemeto aberto simplificado, tal e como figura na plataforma de contratación do municipio.

Así, está previsto pavimentar os camiños en Pradochao, San Xurxo, Ponte do Sur e Vigo, por medio dun proxecto conxunto cuantificado en 45.965,44 euros. Preto de 6.000 finánciaos o Concello e o importe restante vai por conta do Plan Único da Deputación da Coruña. O prazo para a presentación de ofertas remata o o 19 de xullo de 2021.

O terceiro proxecto é o de pavimentación de camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil, cun prezo base de licitación de 56.548,19 euros, ive incluído, dos que a Deputación poría case 49.000 e o Concello os preto de 7.700 restantes. Neste caso pavimentaranse un total de 2200 metros de pistas cun ancho medio e 3,5 metros. As propostas técnicas e económicas poden achegarse ata o 16 de xullo de 2021.

Todas estas actuacións que se encontran en distintos momentos da súa licitación pública permitirán reparar case 4,7 quilómetros de vías municipais, con larguras variables entre os 3,5 e os 11 metros, posto que en algunhas zonas tamén se prepararán espazos de aparcamento. Trátase das pistas e camiños en Valdixe, Canosa, Libureiro, O Piñeiro –Balocos, Ramil, Pradochao, Igrexa (San Xurxo), desde Vigo á Trémoa e o acceso á Area Recreativa de Souto Grande. Nuns casos execútanse con aglomerado en quente e noutros con rega asfáltica e con reposición de canalizacións, salvacunetas e outros elementos.

Outros 74.000 euros para a conservación de pistas e novas pavimentacións

O Concello tamén ten en trámite mediante procedemento de contrato menor o mantemento e “rebacheo” de camiños e a mellora e limpeza de gabias que se desenvolve todos os anos co obxectivo de conservar en boas condicións a rede viaria municipal.

Cun investimento de 24.000 euros actuarase nas pistas da Gangoa, A Queira, Penasalbas, A Ponte, Vilachave de Arriba, Belecoi, nun tramo en San Xiao, Felgosa, Meixeiroa, A Fraga, A Vila , Amosa, Vilazanche, Gundiao, de San Ramón a Vilanova, na Corveira, de Bieiteiras ás Barbelas e noutros puntos que requiren pequenas reparacións.

Por outra banda, o Concello tamén está redactando o proxecto para a nova pavimentación da pista de Xanfero, Sulleo,e O Camiño (San Xoán) e un tramo no lugar da Lavandeira por un importe próximo aos 50.000 euros.